e-mail

enderezo electrónico identidadetradizon@yahoo.es





miércoles, 21 de marzo de 2012



A MATERIA DE BRETAÑA EN GALICIA
 
As aventuras do Rei Artur son patrimonio da literatura universal e incluso as súas fazañas teñen sido levadas ao cinema varias veces. Estas son as orixes desta lenda e, en concreto, da extraordinaria influencia que este mito exerceu na cultura galega




Un mito baseado nun feito real
O mito do Rei Artur, de orixes moi antigas, parte dun acontecemento histórico certo: Artur (501-542) foi un rei bretón que gobernou nas terras da Cornualla e do Devon. No tempo das invasións de anglos e saxóns na Britannia, moitos bretóns fuxiron masivamente ás terras de Armórica eGallaecia, pero os máis quedaron a loitar contra os xermánicos. Artur foi quen de unir aos castros e vilas bretonas organizando unha resistencia que impediu a aqueles conquerir o suleste da illa durante moitos anos.
Na Materia de Bretaña mestúranse o feito histórico das guerras do Rei Artur contra os saxóns, o fondo mitolóxico celta, e a relixiosidade cristiá europea do primeiro milenio. Esta amalgama de elementos románticos e sobrenaturais fascinou de tal xeito ao público medieval que, desde o lugar orixinario da literatura arturiana, ésta expandiuse rápidamente da Dinamarca ao Portugal, de Irlanda a Bohemia, en todas as linguas europeas. 

A chegada da Materia de Bretaña en Galicia
A Materia de Bretaña foi coñecida moi cedo no Reino de Galicia. No Museu da Catedral de Santiago de Compostela está exposta unha columna procedente da antiga fachada norte da Catedral na que se representan varios episodios da vida de Tristán, confirmando así que unha primitiva versión do Libro de Tristán era xa coñecida en Compostela por volta de 1105-1110.
O emprazamento do Tristán na Porta Francíxena fai supór a chegada da Materia de Bretaña a Galicia polas peregrinacións de Scoti, Galli, Britones, Cornubienses, como relata o Codex Calixtinus. Mais compre ter en conta a teoría dun traspaso orixinado nas relacións marítimas coas Bretañas, lembrando que o Bispado de Bretoña mantivo contacto con outros mosteiros céltigos destes países.
A partir do séc.XIII os poetas galegos manifestan nos Cancioneiros e Cantigas a grande influencia arturiana, destacando o Códice Colocci-Brancuti e as composicións do Rei Afonso X O Sabio, un dos principais exportadores da Materia de Bretaña aos reinos lindantes con Galicia. 

A Materia de Bretaña na cultura popular galega
Os pobos celtas caracterízanse pola importancia da súa tradición oral, especialmente viva en Irlanda, Bretaña e Galicia. De relación directa co Ciclo Bretón son as lendas de Santo Amaro, San Brandán e doutrosbuscadores do Paradiso, contos procedentes dos Imrama, relatos compostos en Irlanda desde o séc.VII, que nos lembran as viaxes que en semellantes condicións realizan as personaxes da epopeia céltiga: Tristán, Galahad...
De especial relevancia é a Lenda do Santo Graal, relacionada con numerosos santuarios eucarísticos galegos, e especialmente co do Cebreiro. O Santo Graal é a Bandeira Galega histórica, actualmente Escudo Nacional, e tamén símbolo da Cornualla.
A imaxe do Rei Artur ou Artús continúa presente en nomes de familia e nas lendas da Lagoa de Antela, segundo as cais o Rei xace aló submerxido, acompañado polos seus cabaleiros, encantados baixo forma de insectos, esperando o día que Artús esperte do seu sono.
Do druída Merlín pervive unha máis vaga presenza. Tres parroquias reciben o seu nome na Serra do Careón, na Serra de Orrea, e máis enChantada. Consérvase un dito popular moi significativo "Sabes máis que Merlín". Leandro Carré afirma que escoitara falar de Merlín e que os vellos da súa aldea só lembraban que Merlín era un home "que sabía moito". Alvaro Cunqueiro di ter escrito Merlín e Familia evocando os contos de Merlín que lle contaba de cativo unha vella criada. 

A Materia de Bretaña na literatura galega contemporánea
Tras o colapso económico e cultural da anexión ao Reino de Castela, o Romantismo marca o renacemento da Materia de Bretaña na literatura galega, destacando Ramón Cabanillas como o autor que máis evocou as aventuras arturianas nas súas obras (A Espada Escalibur, O Rei Artur, O Cabaleiro do Santo Grial, O fillo de Celt...).
Máis recentemente, escritores da categoría de Alvaro Cunqueiro (Merlín e Familia, Crónicas do Sochantre) ou Xosé Luís Méndez Ferrín (Percival e outras historias) contribuiron con obras recoñecidas como parte da mellor literatura galega do séc.XX a afirmar a existencia dun xénero bretón xenuinamente galego, atribuido por investigadores da categoría de Henry Thomas, Menéndez Pelayo, Pierre David ou Rodrigues Lapa á afinidade étnica e espiritual céltiga. 

Extracto do artigo de Anxo Abelaira "A Materia de Bretaña en Galiza"
Galiza-Breizh, Número 6, Outono 1996

No hay comentarios:

Publicar un comentario